Skip to main content

O Parlamento de Galicia aprobou, sen ningún voto en contra, promover os cambios lexislativos para regular a profesión de Enxeñeiro/a Químico/a

O pasado 19 de setembro foi aprobada polo Parlamento de Galicia -cos votos a favor de PP, En Marea e BNG- unha proposición non de lei dirixida a que a Xunta de Galicia reclame ao Goberno do Estado o pleno recoñecemento dos títulos de Enxeñaría Química.

Dado que se requiren varios cambios normativos en textos legais estatais, a CC.AA. non pode asumir as reivindicacións dos afectados sen que, previamente, sexa modificada a lexislación a nivel nacional.

A proposición, defendida pola deputada Paula Prado, non suscitou o voto en contra de ningún grupo político, conscientes da xustiza das reivindicacións históricas dos enxeñeiros químicos. En concreto, se insta ao Goberno central a que adopte as seguintes medidas:

1. Tramitar e aprobar definitivamente o Proxecto de Lei de creación do Consejo Nacional de Colegios Profesionales de Ingeniería Química de España.

2. Facer as modificacións necesarias co fin de completar o RD 1837/2008 e incluír a Enxeñería Química dentro do Anexo VIII -de profesións reguladas- cumprindo deste modo coas exixencias recoñecidas aos colectivos si incluídos en dita disposición segundo o artigo 4.1. do citado Real Decreto, e permitindo aos titulados en Enxeñería Química considerarse regulados de pleno dereito dentro do marco normativo español e non quedar relegados como ata o momento.

3. Dotar á Enxeñería Química dun marco legal equivalente ao previsto na Resolución de 15 de xaneiro de 2009, da Secretaria de Estado de Universidades, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros, polo que se establecen as condicións ás que deberán adecuarse os plans de estudos conducentes á obtención de títulos que habiliten para o exercicio das distintas profesións reguladas de enxeñeiro (BOE 29-01-2009).

4. Establecer con plena seguridade xurídica a homologación entre a titulación de Enxeñería Química e a titulación de Enxeñería Industrial Especialidade Química, tal e como estableceu no seu momento o RD 1954/1994.

O Colexio Oficial de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia mostrou a súa satisfacción co acordo parlamentario. Levamos moitos anos traballando para que os enxeñeiros químicos poidan desenvolver a súa labor profesional en igualdade de condicións legais que calquera outro enxeñeiro superior, tanto no sector público como na empresa privada. Este logro prodúcenos unha enorme satisfacción, porque detrás de cada enxeñeiro químico hai unha persoa que se esforzou en obter a súa titulación, do mesmo xeito que os demais enxeñeiros.