Skip to main content

A Xunta explica en Vigo o mapa de apoios á innovación a empresas de enxeñaría, consultoría e servizos tecnolóxicos

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na Tribuna da Asociación Galega de Enxeñaría, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos (Ageinco), un encontro en Vigo cunha decena de empresas deste ámbito. Na reunión, Argerey expuxo as principais liñas de apoio á innovación en Galicia, ao tempo que recolleu as principais demandas e inquedanzas do sector. Na xuntanza participou tamén o presidente de Ageinco, Fernando López Mera.

A directora de Gain destacou o papel do sector da consultoría, enxeñaría e servizos tecnolóxicos externos na dinamización da innovación entre as pemes galegas, que na maioría dos casos non contan cun departamento propio de I+D apoiándose, polo tanto, neste tipo de empresas para desenvolver os seus proxectos de innovación, contribuíndo, así, a aumentar a competitividade do tecido empresarial galego e, por extensión, a da economía galega.

Argerey, acompañada por outros representantes da Axencia, presentou o mapa de apoios de Gain, especialmente aquelas liñas encamiñadas a apoiar a I+D+i no tecido produtivo, tendo en conta o público destinatario. Así, explicáronse os apoios á innovación nas pemes, facendo fincapé na novidosa convocatoria Innova Peme, dirixida a financiar o 50% dos custos de implementación dun plan de Innovación en pemes e micropemes galegas e no programa Principia, para a contratación de técnicos de I+D+i por parte de empresas e organismos de investigación.

Tamén expuxéronse as novidades na convocatoria Fábrica Intelixente destinada a apoiar proxectos estratéxicos de I+D+i para os intereses industriais de Galicia, que nesta edición apoia proxectos a partir de 4 millóns de euros.

Patricia Argerey enmarcou este apoio ao tecido empresarial galego no futuro Plan Galicia Innova 2020, que actualmente se atopa en fase de consultas e que contará cun investimento público-privado de 1775 millóns para impulsar, a través da innovación, a actividade económica e industrial e xerar máis emprego.