Skip to main content

Novo programa de préstamos a proxectos de Industria 4.0, emprendemento e innovación

O director do Igape presentou un novo programa de instrumentos financeiros innovadores, que facilitará a mobilización de 60 millóns de euros en investimentos de pemes galegas en máis de 100 proxectos desenvolvidos no ámbito da Industria 4.0, iniciativas impulsadas por novos emprendedores e proxectos innovadores.

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde a publicación das bases no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 31 de decembro de 2018.

A liña IFI Industria 4.0 apoiará especialmente investimentos centrados na denominada nova industria. Os importes dos préstamos poderán ir desde 65.000 ata un millón de euros, para cubrir ata o 65% dos investimentos en novos centros produtivos, ampliacións de capacidade ou liñas de fabricación de novos produtos. Terán prioridade proxectos que inclúan tecnoloxías relacionadas coa fábrica do futuro e a industria 4.0: robotización, fabricación aditiva, sensórica, sistemas cíber-físicos, automatización, conectividade, vehículos autónomos, dixitalización, big data, loxística 4.0, etc.

Os préstamos da liña IFI Emprende veñen reforzar os instrumentos de apoio ao emprendemento e irán destinados a sociedades mercantís constituídas maioritariamente por novos emprendedores e cunha antigüidade máxima de 42 meses. O importe dos préstamos, que financiarán ata o 50% dos activos fixos e capital circulante necesario para a posta en marcha de novos negocios, poderá oscilar neste caso entre os 50.000 e os 200.000 euros.

Os préstamos IFI Innova están pensados para microempresas, pequenas e medianas empresas galegas, especialmente aquelas de base tecnolóxica, que desenvolvan un proxecto innovador. Estes proxectos deben estar aliñados coas prioridades e obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e ter como obxectivo mellorar a posición competitiva da empresa. O importe dos préstamos estará entre os 50.000 e os 500.000 euros, cubrindo ata o 70% do custo financiable, e o orzamento mínimo dos proxectos deberá ascender a 71.500 euros.

Máis información aquí.