Skip to main content

II Encontro Agrobiotech Innovación

O programa da Axencia Galega de Innovación en colaboración con Tecnópole, Agrobiotech Innovación, organiza os días 26 e 27 de outubro o seu segundo Encontro. Este evento reunirá na Tecnópole a máis de 200 empresas dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e biomasa co obxectivo de xerar novas oportunidades de negocio a través da captación de clientes; o contacto con novos provedores; a apertura de novos mercados; a identificación de socios comerciais, financeiros ou industriais; e o acceso a información sobre as prioridades e necesidades da Administración galega.

Os destinatarios principais deste evento son: empresas demandantes ou ofertantes de produtos, servizos ou tecnoloxía nestes tres sectores; institucións con intereses neles; e clústeres, asociacións empresariais e centros tecnolóxicos con actividade nestes ámbitos. A inscrición é de carácter gratuito. Nesa ligazón, poderedes ver o programa e inscribirvos: http://agrobiotech.gal

O programa do Encontro inclúe diferentes formatos de actividades. Para favorecer o intercambio de coñecemento especializado, o eixo central do programa será un conxunto de relatorios, mesas redondas e obradoiros sectoriais de carácter práctico a cargo de expertos en cada unha das tres áreas de referencia. Nelas abordaranse tendencias emerxentes que supoñen a apertura de novas oportunidades para as empresas, como son a bioeconomía, a compra pública innovadora e a industria 4.0.

Unha grande área de exposición permitirá a empresas e profesionais amosar os seus produtos e realizar presentacións e demostracións. De maneira complementaria, habilitarase un espazo de networking para favorecer os contactos profesionais e institucionais. Ademais, co fin de favorecer o contacto directo, programarase unha axenda de reunións bilaterais, que serán xestionadas con antelación. Este Encontro tamén conta coa colaboración de Cetal, Bioga, Clusaga e CIS Madeira.

En paralelo á preparación do Encontro, continúa o programa de aceleración no que participan dez empresas e que inclúe sesións de formación abertas a todo o tecido empresarial sobre transformación dixital para empresas do sector agrobiotech e sobre internacionalización.